“A lúa prendeu a luz”

En maio de 2015 sae á rúa o primeiro traballo discográfico de Puntada sen fío, levando como título "A lúa prendeu a luz". Trátase dun disco formado por nove temas de moi diferentes estilos, partindo algúns do tradicional e sendo outros composicións propias, de autores da nosa terra ou traducións de cantigas escritas orixinariamente noutras linguas. Na liña habitual do grupo, destaca a sonoridade orixinada polos instrumentos que utilizan (saxo e vibráfono) e que puxeron en mans de Pedro Lamas, Roberto Somoza e Adrián Saavedra, que se ocuparon dos arranxos. O fío conductor de "A lúa prendeu a luz" é o tempo. Tódalas cantigas falan sobre el: narrando acontecementos clave da nosa historia, aconsellando as mellores fórmulas para afrontar o seu paso e non temer ao futuro, lembrando os amores que marcharon e non voltarán... letras profundas e de calado que non deixan a ninguén indiferente.