O Grupo

dossier_DESCARGA

Está formado por Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo soprano). Nace tras o paso dos seus compoñentes por diferentes formacións musicais, como o grupo de percusión Odaiko, Fía na Roca, Os d’Abaixo ou O meu primeiro Celso Emilio e A miña primeira Rosalía. Amigos e compañeiros dentro e fóra dos escenarios, deciden montar un espectáculo en pequeno formato que lles permita chegar facilmente ao público, baseando o seu repertorio na música tradicional e de autor do noso país, aportando unha visión e unha sonoridade orixinal, creada en gran medida polos instrumentos que empregan sobre o escenario.

xiana Nace nas Pontes o 12 de novembro de 1983. Comeza a cantar de moi nena no grupo de música infantil “Ledicia”, ó que pertencerá ata os vinte anos. Fixo estudos de piano no Conservatorio de Ferrol e asistiu a clases de canto coa mezzosoprano María Xosé Ladra e co profesor Ramón Bermejo. Actualmente é vocalista do grupo de percusión Odaiko, do grupo infantil Pitusa Semifusa e integrante do Coro da ra. Ademais, é directora dos proxectos “O meu primeiro Celso Emilio” e “A miña primeira Rosalía”, editados por Xerais nos anos 2012 e 2013 e nos que compartiu escenario con Mini, Mero e María Manuela. Nos últimos anos, impartiu obradoiros de técnica vocal e prestou a súa voz en varios documentais. É licenciada en Xornalismo e en Comunicación audiovisual e forma parte da produtora audiovisual Seispés Producións Creativas desde o ano 2012.


juan Nace o 27 de Agosto de 1981, en Merza. Percusionista de dilatada experiencia, comeza tocando na Banda de Música de Merza, remata os estudos no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, pasando polo Real Conservatorio de la Haya, de Holanda. Cunha traxectoria profesional ligada á percusión étcnica de raíz, colaborou en festivais como Steve Reich Festival (Holanda), Convención Internacional de Percusión de Taipei, Nancy Zeltsman Festival (EEUU), así como en diferentes proxectos de contemporáneo, en bandas de música, sinfónicas etc. Na actualidade imparte clases no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela, actividade que compaxina coa dirección do curso de percusión “MerzaPercusión”, e formando parte de Odaiko Percussion Group (grupo do que foi cofundador en 2003).


rama Nace o 2 de xuño de 1983, en Calo- Teo. Dende moi novo comeza a súa relación coas bandas, primeiro na Banda de Música da Sociedade Recreativa de San Xoán de Calo como saxofonista e despois na banda de Gaitas “Estivada”, desa mesma Sociedade Recreativa, como gaiteiro, da que tamén foi director entre maio e setembro do 2012. Participa noutras formacións como Os Enxebres de Cacheiras ou Pradairo, no que ademais de instrumentista, tamén é arranxista e compositor. A súa carreira defínese definitivamente coa súa entrada no coñecido grupo Fía na Roca, tocando a gaita, o saxo soprano e os low whistles, viaxando por todo o mundo. Son moitos os festivais internacionais nos que participa, como por exemplo o Festival Intercéltico de Lorient ou o Celtic Connections, entroutros. Na actualidade é compoñente do grupo de música medieval Acibreira como gaiteiro e percusionista e gaiteiro e saxofonista na formación Os d’Abaixo.